O Estadio de Río Seco foi testemuña dun auténtico partidazo de fútbol. Nunha mañá asollada, co céspede natural en perfectas condicións, as 12.00 da mañá era a hora da cita coa historia; curta historia da S.D.C.R. NARÓN FREIXO que, na súa sexta tempada no fútbol, consegue ascender un equipo, neste caso de categoría infantil a Galega.
O silbato do árbitro indicaba o inicio do partido de volta, era a hora e era o momento. A primeira xogada de perigo, chegaba pola banda dereita dos infantís do Burela que finalizaba cun tímido disparo que despexaba Marcos, sen maiores dificultades. Despois duns minutos de tenteo, era o Freixo o que comezaba a dominar o partido. Unha primeira xogada por banda dereita, onde David Pardo recibía en profundidade e conseguía superar ao central visitante, gañaba liña de fondo, pero o seu centro atrás, non atopaba rematador. Na seguinte oportunidade, unha combinación entre Iván, Gondar e Keko que, no bordo da área, abría cara á esquerda onde entraba Adrian Ramallo para facer o primeiro con perna esquerda. Era o minuto trece de partido e o FREIXO poñíase por diante no marcador.
Na seguinte xogada, unha falta no pico esquerdo da área visitante, facía que o porteiro se empregase a fondo, ante o saque rápido de David Pardo, que tentaba sorprender e a punto estivo de conseguilo.
Os locais, tiñan o dominio do medio campo e as chegadas á área sucedíanse. Nun corner cedido polos visitantes, Bruno Gondar lanzaba pechado ao primeiro pau e era de novo o porteiro visitante o que, unha vez máis, tíñase que empregar a fondo para ceder un segundo corner. Bruno volvía lanzar pechado, esta vez ao segundo pau e o balón coábase directo. Espectacular gol olímpico que aumentaba a vantaxe do Freixo á media hora de xogo.
De aí ao descanso, dominio dos locais que puideron aumentar a súa vantaxe nun balón en profundidade cara a Adrian Ramallo, pero o balón despexado polo central visitante, estrelábase no traveseiro.
A segunda metade comezaba do mesmo xeito que terminara a primeira, os locais dominaban o balón, pero o partido desenvolvíase no medio campo. Os visitantes, aos poucos, fóronse facendo co dominio do partido e a base de balóns longos, comezaron a xerar perigo. Os infantís do FREIXO, comezaban a notar o cansazo e os visitantes, necesitaban dous goles para remontar a eliminatoria. No ecuador da segunda metade, un balón longo que supera a defensa, recíbeo Fernando que encara a Marcos e cando parece que lle vai a superar por arriba, dispara raso ao primeiro pau e en porteiro local, fai unha gran parada, desas que valen unha eliminatoria, sacando un pé e despexando do balón a corner.
Aínda que a S.D.C.R. NARÓN FREIXO, seguía con vantaxe no marcador, multiplicábanselle os problemas. Adrian Ramallo, cun tirón na perna dereita, quedaba sentado na área visitante. O gran Capitán do Burela, ALEJANDRO GAYOSO nun xesto deportivo dos quitarse o sombreiro e cun resultado adverso de dous goles, achégase ao dianteiro para axudarlle a estirar. Unha mostra, da limpeza coa que ambos os equipos afrontaron os 160 minutos desta eliminatoria.
Chegaban os cambios e o Burela tiña que queimar as súas naves e pasaba a defensa de tres e o FREIXO, cambiaba aos seus homes de arriba, tanto en banda esquerda, como en dereita e reforzaba o medio campo, despois da saída de Iván que fixo un gran traballo na medular, atrasando a David Pardo a botar unha man a Isma e Bruno que ata ese momento estaban a multiplicarse ante os balóns longos dos visitantes.
No minuto 68, nun saque de esquina, Adrian Fernández, anticipábase á defensa local e conseguía recortar distancias. Quedaban 10 minutos de eliminatoria e tocaba sufrir. Os xogadores de refresco do FREIXO, conseguían presionar e os visitantes non eran capaces de sacar o balón xogado da defensa e tiñan que recorrer, unha vez máis a balóns longos. Nun destes, David Pardo consegue anticiparse no medio campo e saír nunha contra pola esquerda, para poñer un precioso pase co exterior do pé dereito por encima do defensa do Burela para Bruno, que orienta perfectamente e o seu disparo desde o borde da área, estrélase no traveseiro. Da ocasión de pechar a eliminatoria, pasouse a un novo balón longo dos visitantes que, envorcados xa sobre a área de Marcos, tentan sorprendelo por arriba, pero o meta local, atalla o balón e tírase ao chan para deixar pasar os segundos que quedaban dos seis minutos de engadido que incrementara o colexiado nesta segunda parte.
Punto e final a unha eliminatoria moi igualada, na que cabe destacar non só o fútbol e a entrega dos rapaces, tamén a gran deportividade, non só no campo, tamén na bancada, con dúas afeccións modélicas, un EXEMPLO DE DEPORTIVIDADE que merece ser mencionado en maiúsculas.