LIGA LOCAL BENXAMIN. GRUPO 21. FERROL

O equipo benjamín “A” da S.D. C. R. NARÓN FREIXO, recibía ao GALICIA DE CARANZA o sábado no Estadio Municipal de Río Seco, nunha mañá soleada e cunha temperatura máis propia da primavera que destas datas.

Os locais saíron moi metidos no partido e coa idea clara de ter o balón e na primeira chegada a porta, un disparo desde fóra da área de Diego Amado, despéxao o porteiro e Quique, entrando desde atrás, cabecea á rede.

Os visitantes do Galicia, moi ben colocados no campo e cunha presión moi efectiva no centro do terreo de xogo, complicaban moito a circulación de balón aos benjamines do Freixo. Con todo, no minuto 8, un disparo cruzado coa perna esquerda do seu capitán Dani, coábase sen que o partero visitante puidese facer nada.

Desde o minuto dez, os visitantes estiráronse e subiron a presión e nun balón perdido no medio campo, cun disparo cruzado desde a frontal da área, conseguían acurtar distancias. Os locais tiveron uns minutos de desconcerto e nunha chegada por banda esquerda dos benjamines do Galicia, a punto estiveron de conseguir o empate, pero o bo centro, non atopou rematador.

A segunda metade comezaba co mesmo guión que a primeira, os locais tocando o balón e o Galicia moi ben colocado presionando no medio campo. Poucas ocasións claras, ata que no minuto 23, novamente o capitán local, cun disparo coa perna dereita, conseguía bater de novo a meta visitante e subir o terceiro ao marcador.

A posesión do balón seguía sendo dos locais, aínda que o balón non circulaba coa suficiente fluidez como para inquietar a portería visitante, ata que, a falta de 3 minutos, un saque de banda á altura da frontal da área do Freixo, é xogado desde atrás por Adri que consegue levar o balón a Aaron e este, despois de desfacerse da marca de dous rivais no centro do campo, cambia o xogo cara á banda esquerda onde aparece Dani que se vai do central visitante e entra na área para conseguir, de disparo cruzado, o seu particular hattrick e pechar o partido.

Tres puntos para os locais que lles permiten pechar a primeira volta á fronte da clasificación, empatados a puntos co equipo de As Pontes.