HOMENAXE A JORGE “NANO”

JORGE LÓPEZ MÉNDEZ, máis coñecido como Jorge “Nano”, empezou a súa carreira deportiva no Estrela con 11 anos en categoría infantil. Aos 16 anos, ficha polo Racing de Ferrol, disputando tres tempadas en categoría xuvenil en División de Honra, xogando o primeiro ano fase de ascenso a sub-19.

Con 16 anos, foi seleccionado para a concentración da pre-selección española, realizada en Madrid e forma parte da selección galega sub-16 que representa a España no Munidalito celebrado en Venezuela.

Realizando a pretemporada co primeiro equipo do Racing de Ferrol durante catro tempadas, é cedido ao Somozas para disputar dúas tempadas en categoría senior, unha vez finalizada a súa etapa xuvenil.

No ano 1.997, ficha polo Narón Balompé Piñeiros, en categoría senior (segunda rexional), conseguindo un ascenso a primeira rexional na primeira tempada e a preferente na segunda tempada.

Na tempada 99-2000 dá o salto a terceira división, fichando polo Viveiro.

Unha tempada despois, na 2000-2001 volve para o Narón Balompé Piñeiros, ata 2011-2012. O primeiro ano forma parte da plantilla que consegue o ascenso a Terceira división, onde xoga 9 tempadas na categoría, descendendo a preferente na tempada 2009-2010 e voltando a conseguir o ascenso a terceira na seguinte tempada, 2010-2011.

En 2011-2012 ficha en terceira división polo As Pontes, xogando 4 tempadas na categoría volvendo recalar no Viveiro durante a tempada 2016-2017 en Preferente.

Na tempada 2017-2018, ficha polo Mugardos en primeira rexional onde xoga as súas últimas dúas tempadas, ata a 2018-2019 na que forma parte do equipo que consegue o ascenso a Preferente, gañando Liga e Copa de Ferrol.

Un referente no fútbol de Ferrol Terra, con 31 tempadas ás súas costas, decide colgar as botas aos seus 42 anos, despois de toda unha vida dedicada a este deporte, onde chegou a formar parte da selección de Ferrol e selección Galega en todas as categorías de base.

A día de hoxe, continúa formando aos pequenos futbolistas que empezan a dar os seus pasos, na S.D. C. R. NARÓN O Freixo, onde leva xa 6 tempadas como adestrador de fútbol basee.

Desde a S.D.C.R. NARÓN O Freixo, esperamos e desexamos que o xoves día 8 de agosto, sexa un día inesquecible para un futbolista, adestrador, compañeiro e amigo, que deixou pegada no fútbol de Ferrol Terra durante máis de 30 anos e que estamos seguros que, seguirá ligado ao mundo do fútbol durante moitos anos máis, adestrando aos futbolistas que son o presente e o futuro do noso fútbol local e rexional.

Moitas grazas pola túa dedicación, constancia e traballo.