CRONICA C.D. NARON – S.D.C.R NARÓN FREIXO “B” ALEVIN

NARON -FREIXO B (ALEVIN)

Estadio de Cadaval, xoves 29 de outubro

A sétima xornada da fase de grupos na categoría alevín, enfrontaba o xoves no campo do Cadaval CD Narón e o Narón Freixo B, cunha situación moi distinta na clasificación. Os locais, loitando por saír dos postos baixos e os visitantes, tentando meterse entre os catro primeiros.

Desde o asubío inicial, os visitantes fixéronse co balón, moi ben situados no campo, tocando desde atrás e circulando o balón de esquerda a dereita, esperando o oco na defensa rival para chegar á frontal da área, pero non acertaban no remate. No minuto catro, David Llera avisaba cun disparo desde o borde da área que, o porteiro enviaba a corner con algúns apuros. As ocasións sucedíanse e era Rubén o que, no minuto 10 tentábao desde a frontal, pero unha vez máis, o porteiro conseguía facerse co balón.

Os nenos do  Naron Freixo tiñan o balón e no minuto doce, unha saída de Manu desde atrás en parede con Hugo Castro, deixaba a David Pardo só diante do porteiro, pero o seu remate coa esquerda, estrelábase no pau. Era cuestión de tempo que, o balón acabase na rede, xusto o que tardou David Llera en recuperar un balón na liña de medios dos locais e plantarse na frontal, un tiro cruzado raso subía o primeiro ao marcador.

Os pequenos do Freixo, seguiron coa mesma intensidade, sen rifar o balón, unha nova xogada que comezaba con saque de banda de Rubén cara a Isma, en propio campo, abrindo a banda dereita para Manu, que se apoia en David Llera no medio centro e de primeiras toca cara á banda dereita a Laura, que mete cara á posición de media punta á que baixara David Pardo a recibir, que controla, e pasa en profundidade cara a Mario que entra desde a esquerda e consegue bater por alto ao porteiro local. Era o cero a dous co que nos iriamos ao descanso e unha demostración de xogo en equipo e toque de balón, saíndo desde a defensa.

O segundo tempo, foi un calco do primeiro, dominio do balón e sucesión de ocasións. Aos dous minutos da continuación, unha nova xogada por banda esquerda, deixaba só a Carlos dentro da área que, coa zurda por baixo, conseguía bater ao porteiro local e subir o terceiro ao marcador.

As ocasións seguían chegando e en dous minutos, os que van do 34 ao 36, primeiro Rubén cun disparo desde a frontal, escorado á esquerda e despois Mario ao rematar un saque de esquina, poñían o cuarto e quinto, respectivamente. No minuto corenta, un libre indirecto dentro da área visitante, transformábao Hugo, recortando distancias e aproveitando unha das escasas ocasións das que dispuxeron os dianteiros locais.

De aí ao final, o partido transcorría con dominio visitante e no minuto 44, unha falta no pico esquerdo da área, servía para que David Pardo puxese o balón na escuadra contraria, para deixar o marcador no definitivo un a seis que deixa o Narón  Freixo  B, con posibilidades de loitar polo cuarto posto que dá opción a entrar no segundo grupo, unha vez que finalice a fase previa.

 

 

 

 Gol de la jornada

 

 Jufada de la jornada

ALINEACION O FREIXO. ALEVIN B